miércoles, 13 de julio de 2011

LOS GALLEGOS PROTESTAN POR TENER QUE PAGAR LAS MISAS

Por que os galegos debemos pagar relixiosamente as misas dominicais da TVG?


Nunca, por máis que se preguntou no Parlamento, chegamos a saber cal foi o custe real da visita de Bieito XVI aquel novembro negro de 2010 a Santiago de Compostela. Testemuñas oculares puidemos certificar, en todo caso, o que aquilo resultou: un fiasco, un engano, un insulto á cidadanía, un negocio paupérrimo para os hostaleiros, a desoladora sensación de sermos unha sucursal vaticana nun país subdesenvolvido e a evidencia de que os dereitos de circulación, de liberdade de expresión, de culto relixioso, etc… non están debidamente garantidos, aquí, neste tempo.

Nos días da queda de Galicia Hoxe, o episodio papal volve a min como un refluxo gástrico indesexado. Podo ver a córvida figura do arcebispo e da curia compostelana, planeando coas ás estendidas, sobre a redacción na que decote escribo. E sei que nada mudou. Con eles non valen nin sacrificos nin inmolacións. Son insaciábeis.

Agora volve o Papa, a Madrid. Síntoo por eles, polos que teñan que ficar na capital de Espanha neses días. Comprobo que as consistencias argumentais da visita son parellas ás que se ergueron durante a excursión a Galicia: custe cero, cen millóns de beneficios e proxección da marca Madrid e España.

Abonda con visitar o portal web da denominada Jornada Mundial de la Juventud, JMJ, para comprobar que a JMJ é realmente un negociete eclesiástico, que en por riba utiliza o nome de Madrid (www.madrid11.com) con afán impositivo e categórico, e con absoluto menosprezo dos milleiros e milleiros de cidadáns, que habitan un outro Madrid 2011, que non é católico ou que nin sequera é crente. Poida que un Madrid ateo, musulmán, gay, indignado, mileurista agnóstico… Madrid hai mil…

Por se non abondaran as continuas imposicións da moral católica no espazo civil (as proclamas contra o aborto, contra a morte digna, contra as familias non heteronormativas, contra o ensino laico…) resulta que agora, grazas á noticia asinada por Daniel Domínguez no Faro de Vigo, entérome de que a retransmisión das misas por parte da Televisión de Galicia (TVG) vai custarnos aos contribuentes, en dous anos, 470.000 euracos.

Pensaba eu na miña candidez que todo era ben máis doado. Que era chegar, plantar unha cámara nunha das ábsidas do templo, facer un plano do crego e un contraplano da parroquia de fregueses e xa. Pensei que as misas eran enlatadas ou que eran sempre a mesma, pois desde que teño uso de razón os contidos non mudaron. Imaxinaba, parvo eu, que eran as igrexas as que pagaban, a un módico prezo, o seu spot publicitario. Pero non. Son cinco mil euros por emisión, chacho. A produtora que se faga cargo do “servizo” deberá ademais untar o sacerdote, o coro e o templo, compostelán por decreto, que asuman o estrelato dominical. E así. Mentres se desmantela a educación, a sanidade pública, o tecido industrial; mentres a lingua e a cultura galega son sometidas a constante acoso político e mentres a Xunta continúa a impor o seu doloroso e destrutivo desleixo administrativo, velaí que a Igrexa xa amarrou a súa cota de visibilidade. Calquera outro orgullo ou fachenda está proscrita, pero non as súas turbas humanas, de exaltados fundamentalistas e as súas misas retransmitidas por imposición. O mantra da austeridade non rexe desta volta. E a difusión da doutrina de Bieito XVI, urbi et orbe, -as súas bombas de racimo dialécticas-, pagámola todas e todos os galegos relixiosamente. 570.000 euros. Acabo de facer a conta e sae só a quince céntimos por galego. Que son quince céntimos comparados coa gloria eterna que nos outorga a televisión pública galega? Pataca minuta, que diría Caneda.


No hay comentarios: